En xullo de 1977, no transcurso dunha festa deportiva en Munich, un reducido grupo de galegos falaron da necesidade de organizarse e crear unha sociedade. Logo dalgunhas reunións e consultas, o 18 de setembro de 1977 deciden fundar unha Peña Galega en Münich, cuxa consolidación definitiva tivo lugar o 12 de marzo de 1978, cando nunha Asamblea Xeral celebrada no Centro Español de Münich se discúte o primeiro proxecto de estatutos. Unha vez aprobados, elixiron, democraticamente, a súa primeira xunta directiva. O 27 de abril de 1981 foron recoñecidos como asociación polas autoridades alemanas.

Os estatutos da Peña foron redactados en galego e neles faise constar que “o idioma oficial será o galego”. No seu artigo 50 establécese que en caso de disolución os seus bens serán doados a algunha entidade benéfica galega.

Ao centro foille outorgada a condición de galeguidade o 1 de setembro de 1988 por Decreto 268/88 (DOG nº 188, do 29 de setembro de 1988) e conta na actualidade con 190 socios dos que 160 son galegos.

A entidade é membro da Coordinadora Federal das Asociacións Galegas en Alemaña, e como tal participa nos actos e eventos que esta organiza.