As súas actividades están orientadas á colonia galega-española e tamén aos alemáns en xeral, buscando un mellor entendemento e dando a coñecer o idioma, as costumes, a cultura e o folclore de Galicia.
O seu grupo artístico Alborada foi fundado o 19 de outubro de 1979 e tivo a súa primeira actuación o 6 de novembro de 1980 na cidade de Munich. Foi creado gracias ao empeño dos directivos da Peña que lograron conseguir uns profesores que fixeron do grupo de danza un digno representante do noso folclore. O grupo participa en todos os actos e festas aos que asiste a entidade e conta no seu haber con excelentes actuacións en Bélxica e Alemaña.
A entidade conta tamén cunha coral.
Entre os actos culturais máis representativos que levan a cabo cabe destacar a celebración do Día das Letras Galegas, ademais de conferencias, coloquios, lectura de poemas, proxección de diapositivas, concursos de fotografía e debuxo, etc.
Entre as actividades recreativas salientar a Romería de Santiago Apóstolo que se celebra nos xardíns de Blutemburg, xunto ao cruceiro doado pola Xunta de Galicia no ano 1983, festa de San Martiño, Nadal, Reises e, sobre todo, a participación na Oktoberfest de Münich (Festa da Cervexa) cunha carroza alusiva a temas galegos.
En outubro do 2003 celebraron o seu XXV aniversario, sendo o acto central desta efeméride unha cea de socios e invitados celebrada nun local da parroquia de ST. Joachin con diversas actuacións folclóricas e á que asistiu un representante da extinta Consellería de Emigración e outras autoridades entre as que se atopaban o cónsul de España en Baviera, o Consejero Laboral da Embaixada en Berlín, o presidente do Consejo de Residentes Españoles, e o Canciller de Münich.